Tres persoas feridas nun accidente múltiple na AP-9 en Santiago de Compostela

Tres persoas resultaron feridas nun accidente de tráfico ocorrido onte pola tarde na autoestrada AP-9, ao seu paso pola parroquia de Conxo, en Santiago de Compostela, no quilómetro 74.

O sinistro produciuse arredor das 17:30 horas e implicou a colisión entre dous turismos e un camión. Un particular foi quen deu o aviso ao 112 Galicia, alertando dunha forte colisión con posibles persoas feridas.

A central de emerxencias mobilizou de inmediato ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil, á Policía Local e a efectivos de Protección Civil.

AP-9

Segundo confirmaron os servizos sanitarios, as tres persoas feridas foron trasladadas ao Hospital Clínico Universitario de Santiago para a súa avaliación e atención médica.

As autoridades están a investigar as circunstancias do accidente para esclarecer como se produciu a colisión entre os tres vehículos.