
A formación reclama transparencia sobre os motivos da tala e un plan de reforestación con especies autóctonas no contorno do campo da festa
Boiro. O grupo político UCIN Boiro, a través do seu coordinador local, Miguel Piqueras, trasladou a súa preocupación pola recente corta de árbores realizada polo Concello no contorno do campo da festa e das zonas de lecer de San Ramón de Bealo.
A formación asegura facerse eco do malestar existente entre parte da veciñanza pola actuación e cuestiona a falta de información pública sobre os motivos que levaron á corta dos exemplares. Segundo UCIN Boiro, o Goberno local adoita xustificar este tipo de actuacións polo suposto «mal estado sanitario» das árbores, pero reclama que os informes técnicos que avalan estas decisións sexan postos á disposición da cidadanía.
Para a formación, a corta tivo un importante impacto paisaxístico e ambiental nun espazo considerado emblemático pola veciñanza de Bealo. Por este motivo, considera que, unha vez realizada a actuación, o Concello debe adoptar medidas para que os recursos procedentes da intervención «revertan directamente na comunidade».
Repartir a madeira entre familias con dificultades
Entre as principais propostas de UCIN Boiro está a repartición social da madeira acumulada tras a corta. A formación pide que a leña sexa destinada prioritariamente a veciños da parroquia con pensións baixas ou en situación de vulnerabilidade económica, co obxectivo de contribuír a reducir os gastos dos fogares durante o inverno.
«Non ten sentido que se destrúa o patrimonio natural da parroquia sen dar explicacións e que, ademais, esa madeira se perda mentres moitos veciños de Bealo teñen dificultades económicas para quentar as súas casas no inverno», sinalou Miguel Piqueras.
UCIN reclama tamén que se garanta que a madeira retirada non sexa comercializada nin destinada a intereses privados, así como que se informe publicamente do destino final do material.
Solicitan os informes que xustificaron a tala
Outra das peticións da formación pasa por facer públicos os informes técnicos que determinaron a necesidade de cortar as árbores de raíz, en lugar de optar, cando fose posible, por actuacións de poda, saneamento ou conservación.
A formación considera que a cidadanía debe poder coñecer os criterios técnicos empregados polo Concello para decidir a eliminación dos exemplares.
Ao mesmo tempo, UCIN Boiro reclama a posta en marcha dun plan de reforestación inmediata, con especies autóctonas, que permita recuperar progresivamente a sombra e os valores naturais do contorno do campo da festa.
Un protocolo para futuras cortas municipais
Ademais das demandas relacionadas coa actuación de Bealo, UCIN Boiro anuncia que presentará unha iniciativa no Concello para establecer un protocolo de repartición social da madeira procedente de futuras cortas municipais.
O obxectivo, segundo explica a formación, sería evitar que a leña procedente de actuacións municipais quede desaproveitada ou sen un destino coñecido pola veciñanza, establecendo criterios transparentes para a súa distribución entre persoas ou familias que poidan necesitala.
Miguel Piqueras avanzou que UCIN Boiro rexistrará a solicitude «de forma inmediata» para reclamar tanto información sobre a actuación realizada en Bealo como medidas concretas sobre o destino da madeira e a recuperación ambiental do espazo.