UCIN Galicia denuncia o “fracaso estrutural” dos protocolos contra o acosoescolar e acusa á Xunta de abandono do sistema educativo

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2026.– A formación UCIN Galicia, a través do seu coordinador José Luis Calo, denunciou con contundencia o que considera un “fracaso evidente e reiterado” dos protocolos de actuación fronte ao acoso escolar en Galicia. A crítica prodúcese tras coñecerse a condena xudicial á Xunta de Galicia por neglixencia nun caso rexistrado en Negreira.

Desde UCIN sosteñen que este episodio non é illado, senón “a consecuencia directa dun sistema que non funciona e dunha administración que leva anos mirando cara outro lado”. Segundo Calo, aínda que os protocolos existen formalmente, “na práctica chegan tarde, aplícanse mal ou simplemente non se activan cando máis se necesitan”.

A formación política tamén critica a falta de implicación real da Xunta, sinalando a ausencia de recursos humanos e materiais suficientes nos centros educativos para previr e actuar fronte ao acoso. “O problema non é só normativo, é de medios. Faltan profesionais, falta formación específica e falta vontade política. Mentres tanto, os menores quedan desprotexidos”, advertiu o coordinador.

UCIN cualifica ademais de “especialmente grave” a decisión da administración autonómica de recorrer a sentenza, ao considerar que é unha medida “insensible e afastada da realidade das familias”. “En lugar de asumir responsabilidades e mellorar o sistema, optan por litigar contra as vítimas”, engadiu.

Entre as propostas, a formación insiste na necesidade de incorporar a figura da enfermeira escolar en todos os centros educativos de Galicia, como ferramenta clave para a detección precoz de problemas de saúde física e mental, incluído o acoso escolar.

Finalmente, Calo dirixiu unha crítica directa ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao que acusa de “inacción e falta de liderado” ante unha problemática que, segundo subliña, require respostas inmediatas. “Galicia non pode permitirse un sistema educativo que falla cando máis se lle necesita. É hora de asumir responsabilidades reais”, concluíu.