
O lume afectou á campá extractora e a varios mobles da cociña dunha vivenda situada en A Clara, na parroquia de Cuíña.
Unha persoa tivo que ser trasladada por problemas respiratorios tras producirse un incendio nunha vivenda situada no lugar de A Clara, na parroquia de Cuíña, no municipio de Ortigueira. O lume orixinouse na cociña do inmoble arredor das 17:30 horas deste venres.
O 112 Galicia recibiu o aviso dun particular que alertaba de que estaba ardendo a cociña da vivenda. De inmediato, os xestores de emerxencias mobilizaron os servizos sanitarios do 061, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Ortigueira, a Garda Civil e a Policía Local.
Como consecuencia do incendio, foi necesario evacuar unha das persoas que se atopaban no interior da vivenda debido a problemas respiratorios.
Segundo informaron os efectivos do GES de Ortigueira, o lume afectou á campá extractora e a varios mobles da cociña. Polo momento, non transcenderon máis detalles sobre as circunstancias nas que se orixinou o incendio.
