
O alumnado do CEIP San Vicenzo gozou hoxe dunha mañá moi especial no Castelo de Vimianzo, onde puido asistir a un espectáculo de maxia e ilusionismo a cargo de Samuel Moreno.
O patio de armas da fortaleza medieval converteuse nun escenario cheo de sorpresas, ilusión e diversión, ofrecendo ás nenas e aos nenos unha experiencia diferente para achegarse ao patrimonio histórico a través da cultura e das artes escénicas.
Esta iniciativa busca fomentar o interese das novas xeracións pola riqueza patrimonial do territorio, combinando a aprendizaxe coa creatividade e o entretemento nun espazo emblemático da historia e da identidade local.
A actividade enmárcase na programación das Xornadas Europeas do Patrimonio, impulsadas pola Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Vimianzo.
Unha proposta para descubrir que o patrimonio tamén pode ser un lugar para soñar, aprender e deixarse sorprender pola maxia.





