
Esteiro (Muros). Unha muller resultou ferida este sábado tras sufrir unha caída na pasarela de madeira situada nas proximidades do chiringuito de Esteiro, no tramo que conduce cara á ponte de Evaristo.
Segundo testemuñas, o accidente produciuse debido ao mal estado das madeiras da pasarela, que presentan un importante deterioro e supoñen un risco para as persoas que utilizan habitualmente este percorrido.
Como consecuencia da caída, a muller sufriu un golpe na zona do nariz. Os servizos de emerxencia, a ambulancia e a Policía xa foron avisados para atender o incidente e valorar a situación.
O accidente volve poñer o foco no estado de conservación desta infraestrutura, moi utilizada por veciños e visitantes durante os meses de maior afluencia.
Ante o ocorrido, reclámase ao Concello de Muros que actúe con carácter inmediato, revise o estado completo da pasarela e proceda á reparación ou substitución das madeiras danadas para evitar que se produzan novos accidentes.
A seguridade das persoas debe ser unha prioridade e este problema non pode agardar a que aconteza unha desgraza maior.
