
Santiago de Compostela | Luns, 20 de xullo de 2026
Unha persoa tivo que ser excarcerada na madrugada deste luns despois de sufrir un accidente de tráfico no lugar de Castiñeira Grande, en Santiago de Compostela, ao bater o turismo que conducía contra un camión que se atopaba estacionado.
O aviso ao 112 Galicia produciuse poucos minutos despois da 1:00 da madrugada, cando un particular alertou da colisión e indicou que a persoa ocupante do vehículo permanecía atrapada no seu interior.
Ata o lugar desprazáronse efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico e dos Bombeiros de Santiago. Foron os bombeiros os encargados de excarcerar á persoa ferida, que posteriormente foi atendida polos servizos sanitarios e evacuada en ambulancia a un centro hospitalario.
Polo momento, non transcenderon máis datos sobre o estado da persoa ferida nin sobre as circunstancias que provocaron o accidente, que están a ser investigadas.