
Unha muller resultou ferida na mañá deste martes en Fisterra despois de que un turismo se encaixase contra o punto de venda de billetes da empresa Monbus, situado na contorna da estación de autobuses.
O vehículo, conducido por outra muller, impactou con forza contra a oficina, que quedou completamente destrozada como consecuencia do choque. No interior do local atopábase unha traballadora, que resultou ferida polo forte impacto e tivo que ser evacuada ao hospital.
Ata o lugar do accidente desprazáronse efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, axentes da Policía Local de Fisterra e da Garda Civil, que atenderon a emerxencia e aseguraron a zona.
A vítima foi trasladada en ambulancia ao presentar dor no peito como consecuencia do impacto. Pola súa banda, a condutora do turismo resultou ilesa.
As circunstancias nas que se produciu o sinistro están a ser investigadas. Segundo a información dispoñible, a condutora do vehículo carecía de permiso de conducir.
O accidente provocou unha grande expectación entre os veciños e usuarios da estación de autobuses debido aos importantes danos materiais ocasionados na oficina de venda de billetes, que quedou practicamente destruída.