Veciños de Cambre denuncian novamente a presenza de augas turbias na traída

A incidencia rexistrouse este luns na zona de A Xira, onde os residentes aseguran que a auga chega ás vivendas con aspecto turbio

Os problemas coa calidade da auga volven xerar malestar entre os veciños de Cambre. Este luns, residentes da zona de A Xira alertaron da presenza de auga turbia na traída, unha situación que, segundo denuncian, lles obriga a extremar as precaucións e a realizar tarefas adicionais de limpeza.

«Xa estamos outra vez co problema da auga en Cambre», lamentan algúns veciños, que aseguran que a incidencia afecta ao uso habitual da traída.

A situación está a provocar tamén molestias nos fogares. Entre as consecuencias sinaladas polos residentes están a necesidade de limpar os filtros, así como volver lavar roupa que puido quedar afectada pola auga.

Os afectados reclaman que se esclareza a orixe da turbidez e que se adopten as medidas necesarias para garantir que a auga da traída chegue ás vivendas en condicións adecuadas.

A aparición de novos episodios deste tipo volve poñer o foco sobre a calidade da subministración de auga no municipio e incrementa a preocupación entre os usuarios da rede.