VECIÑOS DE CEE RECLAMAN MÁIS SEGURIDADE NOS PASOS DE PEÓNS TRAS OS ÚLTIMOS ATROPELOS

A preocupación pola seguridade viaria aumenta en Cee despois dos atropelos rexistrados nos últimos días. Veciños da localidade reclaman ao Concello que adopte medidas urxentes para mellorar a protección dos peóns e evitar novos accidentes.

A través dunha denuncia pública, os residentes piden ao goberno municipal, encabezado polo PSOE, que actúe e comece a tomar medidas para reforzar a seguridade nos pasos de peóns.

Entre as propostas trasladadas figura a instalación de semáforos regulados mediante pulsadores, así como a mellora da iluminación dos pasos de peóns, co obxectivo de aumentar a visibilidade dos viandantes e reducir o risco de novos atropelos.

«Non queremos máis mortes nin máis persoas accidentadas», é a mensaxe que trasladan os veciños, que consideran necesario actuar canto antes para evitar que se repitan situacións de perigo nas rúas da localidade.

A reclamación busca que o Concello de Cee dea resposta a unha preocupación que, tras os últimos sucesos, volve situar a seguridade dos peóns no centro do debate municipal.