Veciños de Malpica queixanse da falta de mantemento das instalacións portuarias

A Cofradía de Pescadores de Malpica denuncia o grave estado de abandono das instalacións portuarias, nas que diversas estruturas, construídas hai décadas, presentan un deterioro evidente debido á falta de mantemento.

O caso máis significativo é o da nave de redes. Segundo explica o patrón maior, Pedro Pérez Martelo, “chove tanto dentro como fóra”. A cuberta, feita con uralitas plásticas, desprázase con facilidade durante os temporais, permitindo que a auga entre sen dificultade no interior.

Desde o pósito aseguran que teñen comunicado reiteradamente esta situación a Portos de Galicia, enviando escritos e vídeos nos que se aprecia como o vento levanta as placas. A pesar diso, non obtiveron resposta nin actuación algunha. “O porto de Malpica está abandonado da man de Deus, a pesar de que factura coma os demais”, critica Pérez Martelo, lembrando que Portos cambiou de presidencia en tres ocasións desde as primeiras denuncias sen que isto trouxera melloras. Engade que, ao ser Portos o titular das instalacións, é a quen lle corresponde reparar a cuberta deteriorada.

O malestar do sector intensificouse nas últimas semanas ao comprobar que outros elementos tamén presentan riscos evidentes. Hai arredor dun mes e medio notificouse a Portos que o vento arrincara as chapas que protexían o pistón dunha das comportas —agora totalmente exposto— así como parte da cuberta da caseta onde se atopan os motores que accionan esas comportas, cos mecanismos en perigo de quedar inutilizados.

O patrón maior lembra tamén que axiña se cumprirán sete anos do falecemento dun mariñeiro polas fortes correntes no interior da dársena. “Dixéronnos que mellorar a seguridade do porto requiría estudos e unha gran inversión, pero o certo é que nin sequera se executan tarefas básicas de mantemento como arranxar o tellado da nave de rederas ou repoñer as proteccións das comportas. Xa non sabemos que pensar”, conclúe.