Vimianzo acollerá o Campionato de España de Trial os días 12 e 13 de setembro

O municipio volverá converterse nun referente do deporte estatal da man do Club Motociclista O Petouco

Vimianzo acollerá os vindeiros 12 e 13 de setembro o Campionato de España de Trial 2026, unha cita deportiva de gran dimensión que volverá situar o municipio no mapa do deporte estatal.

A presentación oficial do campionato serviu para poñer en valor o traballo desenvolvido durante anos para facer posible a chegada desta competición a Vimianzo. Un proxecto que, segundo se destacou, nace da ilusión, do compromiso e da colaboración de numerosas persoas e entidades que contribuíron ao seu crecemento.

Durante a presentación tamén se quixo recoñecer o labor de todas aquelas persoas que formaron parte do proxecto ao longo dos anos e que, aínda que hoxe xa non continúen vinculadas a el, deixaron a súa pegada e contribuíron a construír o camiño que permitiu alcanzar este logro.

Do mesmo xeito, puxéronse en valor os esforzos de todas as persoas que continúan traballando para que o campionato sexa unha realidade. A súa implicación permitirá que Vimianzo volva acoller unha proba de primeiro nivel e reciba durante esa fin de semana a deportistas e afeccionados ao mundo do trial.

Un papel protagonista terá, unha vez máis, o Club Motociclista O Petouco, considerado o auténtico motor desta cita deportiva. O club vimiancés leva anos traballando pola promoción do motociclismo e por levar o nome de Vimianzo máis alá das súas fronteiras.

A celebración do Campionato de España de Trial supón así un novo recoñecemento ao traballo desenvolvido polo club e por todo o tecido deportivo local, demostrando que a colaboración, a constancia e o compromiso permiten facer realidade proxectos de gran dimensión.

Os días 12 e 13 de setembro, Vimianzo volverá ser punto de encontro do mellor trial nacional e vivirá unha fin de semana na que o deporte, a afección ao motor e o orgullo de ser vila volverán ir da man.