
A actividade, gratuíta e con prazas limitadas, incluirá unha charla formativa, unha saída ao monte, identificación de especies e unha degustación de cogomelos.
O Concello de Vimianzo, en colaboración coa Peña Barcelonista Irmandiña, celebrará o vindeiro 22 de novembro unha nova edición da Xornada Micolóxica, unha iniciativa que busca achegar á veciñanza ao coñecemento do mundo dos cogomelos a través dunha proposta divulgativa e práctica.
A actividade estará dirixida polo experto micolóxico Roberto Montes Papín, que acompañará as persoas participantes ao longo dunha mañá dedicada á aprendizaxe, á observación e ao descubrimento da riqueza micolóxica do territorio.
A xornada comezará ás 09:30 horas na Casa da Cultura de Vimianzo, cunha charla introdutoria sobre micoloxía. Ás 11:00 horas, as persoas asistentes realizarán unha saída ao monte para a recolleita de cogomelos, cun desprazamento que correrá por conta propia.
De volta, ás 13:15 horas, terá lugar unha sesión de clasificación e identificación dos exemplares recollidos, na que se poderán coñecer as características das diferentes especies. A programación finalizará ás 14:00 horas cunha degustación de cogomelos.
Para participar na saída ao monte, a organización recomenda levar roupa e calzado axeitados, así como unha cesta e unha navalla.
A participación será gratuíta, pero con prazas limitadas, polo que será necesario realizar unha inscrición previa a través do formulario habilitado pola organización. As persoas interesadas tamén poderán inscribirse a través da páxina web do Concello de Vimianzo.
Con esta iniciativa, o Concello continúa apostando pola educación ambiental e pola divulgación do patrimonio natural, ofrecendo á cidadanía unha oportunidade para ampliar os seus coñecementos, compartir experiencias e gozar dos recursos naturais da contorna.
