Vimianzo estrea novos aseos públicos na parte traseira da Casa do Concello

O Concello de Vimianzo vén de poñer en funcionamento uns novos aseos públicos, unha instalación que responde a unha demanda trasladada pola veciñanza e que busca mellorar os servizos dispoñibles no municipio.

Os novos aseos están situados na parte traseira da Casa do Concello, xunto ás dependencias da Policía Local e fronte ao parque infantil, nunha localización céntrica e de fácil acceso.

As instalacións permanecerán abertas todos os días da semana, de luns a domingo, en horario de 8:00 a 23:00 horas, ofrecendo así un servizo tanto á veciñanza como ás persoas que visitan a localidade.

Desde o Concello solicitan a colaboración das persoas usuarias para facer un uso responsable das instalacións e contribuír ao seu mantemento, limpeza e conservación.

Con esta actuación, o goberno municipal destaca que continúa traballando para atender as necesidades da cidadanía e mellorar os servizos públicos de Vimianzo.