
É unha honra presentarvos oficialmente a 43ª edición da Festa da Pataca de Coristanco, unha celebración que nos identifica, que nos une e que ano tras ano fai de Coristanco o corazón da nosa comarca.
A nosa pataca non é só un produto agrícola. É símbolo de esforzo, de identidade e de orgullo colectivo.
Este ano damos un paso máis alá. Celebramos, por primeira vez, o Encontro de Pobos Pataqueiros, unha iniciativa pioneira coa que queremos tender pontes con outros territorios produtores. Xuntos, compartiremos experiencias, coñecementos e ilusións, porque estamos convencidos de que o futuro do rural constrúese conxuntamente, unindo tradición e innovación.
A gastronomía será, como sempre, unha das grandes protagonistas. Este ano incorporamos novas degustacións que nos permite presentar unha gran variedade de pratos nos que a pataca brilla con todo o seu sabor. Ademais, teremos a honra de contar con produtos estrela doutros concellos colaboradores, que enriquecerán a nosa mesa e reforzarán o espírito de cooperación que define esta edición.
Pero a Festa da Pataca non é só gastronomía. É tamén música, cultura, tradición e convivencia. É un lugar de encontro no que se mesturan xeracións, no que veciños e visitantes comparten mesa, alegría e identidade.
Grazas a quen a fai posible: agricultores, veciños, asociacións, hosteleiros, voluntarios e institucións. Grazas por manter viva esta tradición que xa é Festa de Interese Turístico de Galicia e que cada ano medra con máis forza.
Agardamos que esta 43ª edición sexa inesquecible. Que sexa unha homenaxe á nosa terra, á nosa xente e ao futuro que queremos construír.
Viva Coristanco e viva a Festa da Pataca!