
Avanza Malpica pide á Xunta e á Deputación da Coruña que deixen atrás os reproches políticos e traballen conxuntamente para dotar o municipio dunha ambulancia con base permanente.
A falta dunha ambulancia con base no concello de Malpica volve estar no centro do debate tras unha nova urxencia sanitaria rexistrada na xornada de onte, na que foi necesaria a intervención dun helicóptero medicalizado para socorrer un veciño, así como o desprazamento dunha ambulancia procedente doutro municipio.
Desde Avanza Malpica alertan de que este tipo de situacións se repiten con demasiada frecuencia e lembran que, ante unha emerxencia sanitaria, cada minuto pode ser decisivo para salvar unha vida. Por este motivo, a formación asegura que leva tempo reclamando a implantación dunha ambulancia con base no municipio, ao considerar que se trata dun servizo esencial para garantir unha atención rápida e segura á veciñanza.
A formación tamén critica o enfrontamento político arredor desta cuestión, coas administracións implicadas —a Xunta de Galicia, gobernada polo PP, e a Deputación da Coruña, gobernada polo PSOE e o BNG— e os seus representantes locais intercambiando responsabilidades pola ausencia deste servizo.
Para Avanza Malpica, a veciñanza non necesita máis reproches nin disputas partidistas, senón unha resposta conxunta que permita avanzar cara a unha solución. Neste sentido, reclama que ambas as administracións deixen á marxe as súas diferenzas e traballen coordinadamente para conseguir que o municipio dispoña dunha ambulancia propia.
A formación insiste en que a saúde e a seguridade da poboación deben estar por riba de calquera interese político e pide un compromiso firme das administracións para atender unha demanda que considera prioritaria.
A súa reivindicación remata cunha mensaxe clara: «Menos confrontacións e máis solucións. Menos lerias e máis compromiso coa veciñanza».
Desde Avanza Malpica conclúen cunha petición directa ás administracións: Malpica necesita unha ambulancia xa.
