
A formación Unión de Ciudadanos Independientes (UCIN) anunciou a súa decisión de concorrer ás próximas eleccións municipais no Concello de Ares, apostando por un proxecto centrado na política municipal e independente dos grandes partidos.
Segundo explicou a agrupación, UCIN defínese como unha organización enfocada exclusivamente no traballo local, “sen condicionantes ideolóxicos nin partidistas”, defendendo que a política municipal debe estar ao servizo da veciñanza e non das estruturas políticas tradicionais.
A formación sinala que a súa prioridade será desenvolver unha política “constructiva, de escoita activa aos veciños e baseada en acordos beneficiosos para o municipio”.
UCIN destacou tamén que estes principios encaixan coa traxectoria do que será o seu candidato á Alcaldía, Daniel Villaronga, actual concelleiro no Concello de Ares. A agrupación puxo en valor o labor desenvolvido por Villaronga durante os últimos anos, subliñando a súa “busca constante de solucións e propostas construtivas”, priorizando —segundo indican— “o beneficio veciñal por enriba do partidista”.
Finalmente, UCIN fixo un chamamento á participación cidadá, asegurando que o proxecto permanece aberto a todas aquelas persoas que consideran que “outra forma de facer política é posible” e que ven necesario un cambio no municipio.