Óscar Insua preguntará no Parlamento polos informes e actuacións previstas na igrexa de San Marcos de Corcubión

O deputado do BNG pola Costa da Morte e Bergantiños, Óscar Insua, levará este venres 15 de maio á Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento galego unha pregunta sobre o estado da igrexa de San Marcos de Corcubión e as actuacións previstas para a súa conservación e restauración.

Insua interesarase polos eventuais informes elaborados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural relativos á situación actual do templo, así como polas previsións da Xunta en materia de medidas de protección, mantemento e financiamento para acometer futuras intervencións.

O parlamentario nacionalista reclama coñecer se o Goberno galego dispón dunha avaliación técnica actualizada sobre o estado da igrexa de San Marcos, considerada un dos elementos patrimoniais destacados de Corcubión, e se existen compromisos concretos para garantir a súa conservación.

Desde o BNG sinalan a necesidade de actuar para evitar o deterioro do inmoble e garantir a preservación do patrimonio histórico e cultural da comarca da Costa da Morte. A formación tamén demanda transparencia sobre os recursos económicos que a Xunta prevé destinar á restauración e ao mantemento do templo.