
O Concello da Baña continúa desenvolvendo traballos de limpeza e mantemento en distintos pozos de captación de auga do municipio, unha actuación orientada á mellora e conservación dos recursos hídricos, así como á prevención de incendios forestais.
Os labores están centrados na posta a punto destas infraestruturas hidráulicas, garantindo o seu correcto funcionamento e contribuíndo á protección do entorno natural. Os pozos nos que se está actuando foron seleccionados polos técnicos de Medio Rural en función da súa localización e capacidade, priorizando aqueles considerados de maior interese estratéxico para o municipio.
Desde o Concello destacan que estas actuacións permiten non só optimizar o abastecemento e conservación da auga, senón tamén reforzar a capacidade de resposta ante posibles situacións de emerxencia, especialmente durante a época de maior risco de incendios.
Os traballos están impulsados polas áreas municipais de Obras, Urbanismo e Medio Rural, que continúan coordinando accións de mellora e mantemento das infraestruturas públicas co obxectivo de garantir a seguridade, a sustentabilidade e o coidado do medio natural da Baña.




