Noelia Martínez leva ao pleno a reclamación das taxas da caseta ilegal que ocupou durante anos solo público na Travesía de Arteixo

A concelleira Noelia Martínez esixe ao Concello que reclame á promotora as cantidades non abonadas, incoe expedientes sancionadores e analice posibles responsabilidades pola inacción municipal

Arteixo, 19 de maio de 2026.

A concelleira Noelia Martínez Canosa vén de presentar unha moción ao próximo Pleno municipal para esixir que o Concello de Arteixo actúe de maneira inmediata ante unha situación que cualifica de “absolutamente inaceptable”: a ocupación durante anos de dominio público municipal por parte dunha caseta destinada a actividade inmobiliaria na Travesía de Arteixo sen título habilitante e sen que, ata a data, se teña esixido responsabilidade algunha.

Tal e como consta na documentación municipal consultada e foi recoñecido publicamente na pasada sesión plenaria do pleno ordinario de abril, a instalación carecía de autorización para ocupar dominio público municipal e tampouco contaba coa preceptiva habilitación administrativa para o desenvolvemento da actividade.

Ademais, existen indicios gráficos da presenza da instalación xa no ano 2012, destinada á actividade inmobiliaria, e consta documentalmente a cesión ao Concello dos terreos destinados a viais en decembro de 2013, permanecendo desde entón e durante anos ocupando solo público municipal.

A moción presentada esixe a incoación inmediata do correspondente expediente administrativo no prazo máximo de 15 días, a liquidación das taxas que legalmente procedan pola ocupación do dominio público, a apertura dos expedientes sancionadores oportunos, a cuantificación do eventual prexuízo económico causado ás arcas municipais e a análise de posibles responsabilidades derivadas da falta de actuación municipal ante unha situación irregular mantida no tempo.

Noelia Martínez denuncia que “mentres veciños, autónomos e empresas teñen que cumprir estritamente coa normativa, solicitar autorizacións e aboar as taxas correspondentes para ocupar un só metro de dominio público, aquí permitiuse durante anos unha situación absolutamente irregular sen consecuencias”.

“A pregunta que hai que facer é moi sinxela: cantos cartos deixou de ingresar o Concello durante todos estes anos e por que ninguén actuou?”, sinala.

A concelleira considera especialmente grave que, malia terse recoñecido a inexistencia de autorización, non se adoptasen ata o momento medidas efectivas para esixir responsabilidades nin para resarcir economicamente ao Concello.

“Non estamos ante un simple erro administrativo nin ante unha cuestión menor. Estamos falando dunha ocupación ilegal de solo público durante anos, dun prexuízo económico para todos os veciños e dunha inacción municipal difícil de explicar”, conclúe.

Con esta iniciativa, Noelia Martínez reclama que o Concello actúe con dilixencia, defenda o patrimonio público e aplique a mesma legalidade a todos, sen excepcións nin privilexios.