AVANZA MALPICA denuncia o estado de abandono do futuro centro de día

Malpica, 21 de maio de 2026.– A asociación AVANZA MALPICA volveu denunciar publicamente a situación de abandono na que se atopa o edificio destinado a converterse no futuro centro de día da localidade, unha infraestrutura moi demandada pola veciñanza e, especialmente, polas persoas maiores e as súas familias.

Dende a entidade lamentan que, despois de múltiples anuncios institucionais, fotografías oficiais e entrevistas prometendo a apertura das instalacións, o proxecto continúe sen funcionar e coas portas pechadas. “Promesas, promesas e máis promesas… sacanse fotos, danse entrevistas, pero os maiores de Malpica seguen esperando”, sinalan dende o colectivo.

AVANZA MALPICA asegura que resulta incomprensible que, tras anos de anuncios e supostos avances administrativos, o centro de día continúe sen abrir. “Non se entende por que segue pechado… supoñemos que faltará algún papel”, ironizan.

A asociación considera prioritario que o Concello dea explicacións claras sobre a situación actual do proxecto e os prazos reais para a súa posta en marcha. Ademais, reclaman aos responsables municipais que deixen de lado a propaganda e traballen para ofrecer solucións reais ás necesidades da veciñanza.

“Os nosos maiores merecen servizos dignos e próximos. Non poden seguir sendo vítimas de retrasos, escusas e promesas incumpridas”, conclúen dende AVANZA MALPICA, que pide ao goberno local compromiso e feitos concretos para desbloquear dunha vez por todas a apertura do centro de día.