
O deputado do BNG pola Costa da Morte e Bergantiños, Óscar Insua, levará este venres 22 de maio á Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento galego unha pregunta sobre a situación da estrada AC-445 ao seu paso por Estorde, no concello de Cee, co obxectivo de coñecer o nivel de seguridade viaria e peonil existente na zona e as actuacións que prevé adoptar a Xunta de Galiza.
O parlamentario nacionalista interesarase pola valoración que fai o Goberno galego respecto ás condicións de seguridade nesta vía, especialmente nun tramo que, segundo veñen denunciando veciñanza e usuarios, presenta importantes carencias tanto para o tráfico rodado como para o tránsito de peóns.
Desde o BNG sinalan que a AC-445 soporta un elevado volume de circulación e que o paso por Estorde carece de infraestruturas axeitadas para garantir a mobilidade peonil con seguridade, unha situación que consideran preocupante para residentes e visitantes da localidade.
Óscar Insua preguntará tamén polas medidas concretas que contempla a Xunta para mellorar a seguridade neste punto, entre elas posibles actuacións de acondicionamento, sinalización, redución da velocidade ou habilitación de espazos seguros para os peóns.
A formación nacionalista insiste na necesidade de atender as demandas da veciñanza e de actuar con rapidez para evitar riscos e mellorar a seguridade nunha vía considerada estratéxica para a mobilidade na comarca da Costa da Morte.