Comezou a IX Mostra de Teatro Labarta Pose do Concello de Zas cun gran éxito de público

A IX edición da Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose arrancou onte no Concello de Zas cunha magnífica acollida por parte do público. A compañía The Sastre Teatro foi a encargada de inaugurar esta nova edición coa representación da obra “Deus non quere calderilla”, nunha tarde marcada polo excelente ambiente e pola alta participación veciñal.

O alcalde do Concello de Zas, Manuel Muíño, foi o encargado de presentar oficialmente a mostra. Durante a súa intervención destacou o éxito de participación acadado nesta edición, tanto pola elevada calidade das propostas recibidas como polo importante número de compañías presentadas.

Ademais, o rexedor fixo referencia aos Premios Fouciño, poñendo en valor o importante papel que desempeñan na promoción e impulso do cinema galego.

O público respondeu enchendo practicamente o auditorio nesta primeira función, confirmando unha vez máis o grande interese que o teatro esperta no Concello de Zas.

Desde a organización quixeron agradecer tanto á compañía teatral como ás persoas asistentes a súa participación e apoio nesta primeira xornada da mostra, que continuará nas vindeiras semanas con novas representacións.