Santa Comba, entre os concellos advertidos por Facenda: impagos, promesas incumpridas e crecente malestar veciñal

O Ministerio de Facenda activou unha nova iniciativa estatal destinada a facilitar o pagamento das débedas municipais con provedores, mobilizando un total de 304 millóns de euros en toda España. Entre os 30 concellos galegos sinalados pola acumulación de facturas sen pagar aparece Santa Comba, unha situación que volve poñer o foco sobre a delicada xestión económica do goberno local.

A inclusión do Concello de Santa Comba nesta listaxe chega despois de meses nos que desde o executivo municipal se negaba publicamente a existencia dunha intervención ou dun plan de axuste por parte de Facenda. Porén, os datos oficiais evidencian agora os problemas económicos dunha administración que continúa acumulando críticas veciñais pola falta de proxectos e resultados.

As voces críticas denuncian que, mentres continúan os impagos e a falta de investimentos estratéxicos, o alcalde, Romar, mantén dedicación exclusiva á alcaldía ao tempo que compatibiliza ata seis actividades económicas privadas. Tamén cuestionan a utilización dos fondos públicos en iniciativas consideradas “de escaparate”, como torneos de fútbol, subvencións a asociacións afíns ou determinadas obras financiadas pola Deputación.

As críticas non son novas. Diversos sectores locais lembran tamén a súa etapa á fronte da asociación de empresarios, onde o superávit acumulado acabou destinado, segundo denuncian, a actuacións sen retorno económico para o tecido produtivo local.

Mentres tanto, boa parte das promesas realizadas nos últimos tres anos continúan sen executarse. A veciñanza sinala a ausencia de melloras nas comunicacións con Santiago e A Coruña, a paralización do polígono industrial, a falta dunha residencia para maiores ou a ausencia de avances no centro de saúde. Tamén lamentan o deterioro progresivo da tradicional feira local e a desaparición da actividade comercial e social das noites dos sábados, que se prometera recuperar.

Outro dos exemplos máis comentados é o da pista de xeo de Nadal, anunciada con melloras que nunca chegaron a executarse durante os tres últimos anos.

O malestar incrementouse tras o pleno municipal cancelado o pasado venres, unha sesión que acabou xerando novas acusacións de actitude “caciquil” por parte do rexedor. Parte da oposición e numerosos veciños consideran que o goberno local vive alleo ás necesidades reais do municipio.

A pregunta que moitos xalleiros se fan segue no aire: onde vai realmente o diñeiro público mentres Santa Comba continúa sen avances nin proxectos de futuro?