UCIN Galicia acusa ao BNG de “soster politicamente a corrupción do PSOE” tras a actuación da UCO en Ferraz

O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, cargou este mércores contra o BNG e a súa portavoz nacional, Ana Pontón, pola postura mantida polo nacionalismo galego ante os últimos escándalos que afectan ao PSOE e ao Goberno central, despois da intervención da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil na sede socialista de Ferraz, en Madrid.

Nun comunicado difundido pola formación municipalista, Calo asegurou que o Bloque “perdeu toda credibilidade política” ao continuar apoiando no Congreso ao Executivo estatal “malia estar rodeado de investigacións, imputacións e escándalos xudiciais”.

Segundo afirmou o coordinador de UCIN Galicia, “cada actuación da UCO, cada rexistro e cada nova información coñecida confirma a gravidade dunha situación insostible para a democracia española”. Ademais, acusou ao BNG de empregar “unha dobre vara de medir” ao defender publicamente a ética política mentres, ao seu xuízo, “cala ante feitos gravísimos que afectan aos seus socios parlamentarios”.

Calo foi especialmente crítico coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, á que atribuíu un “silencio cómplice” ante as investigacións que salpican ao PSOE. “Non se pode falar de rexeneración democrática mentres se sostén a un partido acosado pola corrupción e polas investigacións xudiciais”, sinalou.

Desde UCIN Galicia consideran especialmente grave que, segundo apuntan, continúen producíndose apoios parlamentarios ao Goberno central mentres diferentes cargos e persoas vinculadas ao PSOE aparecen relacionadas con presuntas tramas de corrupción, financiamento irregular, tráfico de influencias e uso partidista das institucións.

O responsable municipalista denunciou tamén un “deterioro institucional” en España e acusou ao nacionalismo galego de “antepoñer os pactos ideolóxicos aos intereses reais dos cidadáns galegos”.

“O BNG vende unha imaxe de defensa de Galicia, pero na práctica limítase a apoiar en Madrid todo aquilo que lle garante protagonismo político, aínda que iso supoña mirar cara outro lado ante a corrupción”, afirmou.

UCIN Galicia reivindicouse como unha formación “centrada nos veciños e afastada dos extremismos ideolóxicos”, defendendo un modelo político baseado na transparencia, na xestión municipal e nos problemas reais da cidadanía.

A actuación da UCO na sede federal do PSOE en Ferraz produciuse no marco dunha investigación xudicial sobre presuntas irregularidades relacionadas con persoas vinculadas ao entorno socialista, un feito que xerou unha ampla repercusión política a nivel estatal.