
O Concello de Fisterra acolleu esta mañá un importante simulacro de activación do Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais en Galicia (PEIFOGA), baseado nun suposto incendio forestal en situación 2.
No operativo participaron máis dun cento de efectivos pertencentes a diferentes organismos e servizos de emerxencias, que traballaron de maneira coordinada para poñer en práctica os protocolos de actuación ante unha situación real de risco.
Durante o exercicio desenvolvéronse distintas actuacións, entre elas tarefas de extinción do incendio, evacuacións preventivas da poboación, cortes de estradas e simulacións de alertas á cidadanía. O principal obxectivo desta actividade foi reforzar a coordinación entre administracións e mellorar a capacidade de resposta fronte ás emerxencias forestais.
Dende o Concello de Fisterra quixeron destacar e agradecer a implicación, profesionalidade e colaboración de todas as persoas e entidades participantes neste simulacro, considerado un exercicio clave en materia de prevención e seguridade cidadá.






