
O pleno celebrado este xoves no Concello de Malpica estivo marcado pola tensión política e polos duros enfrontamentos entre o goberno municipal e o líder da oposición socialista, Walter Pardo Añón, quen protagonizou varias intervencións críticas coa xestión do executivo local.
A sesión arrancou cun dos temas máis polémicos da noite: a nova normativa municipal para regular as praias sen fume e sen animais. Mentres o goberno defendeu a aplicación de sancións para garantir o cumprimento das normas, Walter Pardo mostrouse contrario á política de multas e apostou pola concienciación cidadá.
O líder socialista asegurou que “o tema das multas ten un afán recadatorio”, afirmando ademais que “o goberno atópase sen un peso”. Pardo insistiu en que a administración local debe gobernar para todos os veciños, independentemente de que sexan fumadores ou teñan mascotas.
Outro dos puntos destacados do pleno foi o debate arredor da futura ubicación do novo centro de saúde. Walter Pardo criticou a compra dun novo terreo por parte do Concello para construír as futuras instalacións sanitarias e lembrou que o PSOE xa presentara no seu día unha alternativa diante da Xunta.
Segundo explicou, a proposta socialista consistía en utilizar o actual centro cívico como novo centro de saúde e transformar o actual edificio sanitario nun novo centro cívico, ao considerar que ambos espazos reúnen as condicións necesarias para ese intercambio de usos.
A posible construción dunha rotonda na entrada de Malpica tamén xerou unha forte discusión política. Para o líder socialista, a prioridade do municipio debería centrarse noutras necesidades máis urxentes.
Pardo afirmou que a Malpica “fáille falta limpeza, boa iluminación, contedores modernos, vías decentes, beirarrúas novas e aparcamentos ben organizados”. Na súa opinión, a rotonda proposta polo goberno municipal “crea confusión”, elimina espazos de estacionamento e complica a conexión á hora de deixar os nenos no colexio.
O momento máis destacado da noite chegou despois de dúas horas de sesión plenaria, cando Walter Pardo Añón lanzou unha mensaxe que resumiu boa parte do seu discurso político.
“Se hai unha moción para mellorar a vida dos veciños é mellor ca unha moción que fale da guerra de Ucraína. Fai falta mocións que melloren o pobo, pero sempre hai que mirar polo ben dos veciños, estamos aquí para representar a todos os veciños de Malpica”.
As palabras do portavoz socialista pecharon un pleno intenso e cargado de debate político, no que quedaron evidentes as diferenzas entre goberno e oposición sobre o modelo de vila e as prioridades para o futuro de Malpica.