
O PP de Santa Comba non acudirá ao pleno en protesta pola “actitude ditatorial” do alcalde
Os concelleiros do Partido Popular de Santa Comba anunciaron que non asistirán ao pleno municipal convocado para hoxe venres, ao considerar que o alcalde actuou de maneira “arbitraria” e cunha “actitude ditatorial” na fixación da nova data da sesión.
Segundo explican os populares nun comunicado, o pleno estaba inicialmente previsto para o día de Santa Rita, festividade da patroa dos funcionarios da administración local, pero foi aprazado polo rexedor. O PP subliña que esta decisión coincidiu “casualmente” con tres días nos que o alcalde estivo fóra do municipio, tal e como, aseguran, recollía o Boletín Oficial da Provincia.
A formación popular critica que o alcalde decidise trasladar a sesión a este venres pese a que o grupo advertira previamente da imposibilidade de asistencia de dous dos seus edís por motivos profesionais e persoais, circunstancias que, afirman, foron comunicadas co obxectivo de que se tivese en conta á hora de fixar a nova convocatoria.
“Pero a este alcalde tanto lle ten. Manda el”, sinalan desde o PP, que denuncian unha falta de respecto institucional cara á oposición municipal. Os populares consideran que se trata dun “novo atropelo” a unha oposición que, segundo indican, é “ninguneada continuamente polo grupo de goberno”.
Diante desta situación, os concelleiros do PP decidiron non acudir á sesión plenaria “como mostra de protesta” ante o que consideran unha maneira de gobernar baseada na imposición e na falta de diálogo. Na súa valoración, o alcalde “demostrou unha vez máis creer que o mundo xira ao seu arredor”.