A Xunta recibe sete ofertas para executar as obras de renovación do firme en oito estradas no seu percorrido por 10 concellos da Costa da Morte

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, recibiu um total de sete ofertas de empresas para executar as obras de renovación do firme en oito estradas autonómicas, no seu percorrido por 10 concellos da Costa da Morte, licitadas por un investimento que rolda os 3,5M€.

O obxectivo da Xunta é levar a cabo o reforzo do firme para o mantemento e conservación de distintos treitos da vía de altas prestacións VG.-1.4 (Cee-Sardiñeiro), así como nas estradas AC-404 (Santa Comba-Baio), AC-429 (Ponteceso-Laxe), AC-440 (Berdoias-Muxía), AC-444 (Negreira-Ponte Failde), AC-546 (Negreira- A Pereira), AC-550 (Cee-Ribeira) e a AC-552 (A Coruña-Cee).

As intervencións obxecto deste contrato nestas vías, coinciden cos seus percorridos polos municipios da Baña, Cabana de Bergantiños, Cee, Fisterra, Laxe, Muros, Muxía, Santa Comba, Vimianzo  e Zas. 

A través destas obras mellóranse as características funcionais das estradas da titularidade da Xunta e reforzase a seguridade viaria en distintos treitos desta vías. As obras contan cun prazo de execución estimado de seis meses.

Os traballos previstos consistirán na rehabilitación superficial do firme destas estradas, con distintas actuacións, restaurando as características do pavimento, adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade.

En conxunto, a través destas intervencións actuarase en preto de 65 quilómetros de lonxitude.

En todas as actuacións contempladas neste contrato non son necesarias as expropiacións de terreos, xa que están incluídas dentro da franxa de dominio público de titularidade da Xunta.

O departamento qu3e dirixe maría M. Allegue segue a traballar e a apostar tamén pola mellora das características da rede actual de estradas de titularidade autonómica, supoñendo un menor custo de mantemento a longo prazo e unha mellora da seguridade viaria.

A Xunta traballa co obxectivo de adxudicar as obras neste segundo trimestre, para executalas este mesmo ano, ao contar cun prazo de execución estimado de seis meses.