
O Grupo Municipal do BNG de Laxe expresou a súa preocupación tras o pleno celebrado este mes, no que se tramitaron catro expedientes relacionados con reparos, omisións da función interventora (OFI) e recoñecementos extraxudiciais de crédito, todos eles co voto en contra da formación nacionalista.
Desde o BNG sinalan que esta cifra resulta especialmente significativa, xa que “hai mandatos municipais nos que non se alcanzou ese número de expedientes en todo un ano”. Por este motivo, consideran que unha ferramenta que debería empregarse de maneira excepcional está a converterse nunha práctica habitual na xestión municipal.
A formación insiste en que non cuestiona o pagamento das facturas nin a continuidade dos servizos públicos, senón “a improvisación convertida en norma”, e reclama unha maior planificación e rigor na tramitación administrativa.
Durante a sesión plenaria, o BNG tamén apoiou os pregos do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), aínda que presentou observacións para mellorar aspectos relacionados coa capacitación técnica do persoal e coa compensación dos gastos de desprazamento.
Ademais, o grupo nacionalista aproveitou o pleno para trasladar varias cuestións ao goberno local. Entre elas, preguntou pola situación do depósito de combustible existente no garaxe municipal, ao que o executivo respondeu que cumpre coa normativa vixente.
Tamén solicitaron información sobre a cobertura das baixas laborais de longa duración no persoal municipal. Segundo explicou o goberno, esta cuestión será revisada unha vez estea rematada a Relación de Postos de Traballo (RPT).
Outro dos asuntos abordados foi o das terrazas dos establecementos hostaleiros. O executivo indicou que se están realizando medicións para coñecer a situación actual e avaliar posibles actuacións.
Por último, o BNG volveu interesarse pola posición do Concello respecto ao proxecto da mina de Coéns. A formación lamenta que o goberno municipal continúe sen definir unha postura clara sobre unha cuestión que considera de especial relevancia para o futuro do municipio.