PATRIMONIO | Remata a campaña arqueolóxica 2026 no Castro das Barreiras

O Concello de Vimianzo vén de concluír a campaña arqueolóxica 2026 no Castro das Barreiras, unha intervención que permitiu seguir afondando no coñecemento dun dos xacementos máis relevantes do patrimonio histórico local.

Os traballos, desenvolvidos polo equipo dirixido polo arqueólogo Tito Concheiro, deron lugar a importantes descubrimentos que contribúen a reconstruír a historia do asentamento. Entre os achados máis destacados figura a documentación dun sistema de acceso á muralla mediante escaleiras, unha estrutura que achega nova información sobre a organización e funcionalidade do castro.

A campaña permitiu tamén identificar un espazo de carácter sacro, no que se localizaron altares e betilos, elementos de gran valor para comprender as prácticas simbólicas e relixiosas das comunidades que habitaron o lugar. Ademais, os arqueólogos descubriron unha vivenda que podería situar as orixes do asentamento nun período máis antigo do que se consideraba ata o de agora.

Xunto ao labor investigador, a intervención apostou pola divulgación e a participación social. Ao longo da campaña organizáronse visitas guiadas e actividades dirixidas aos centros escolares, achegando o patrimonio arqueolóxico á veciñanza e fomentando entre as novas xeracións o coñecemento e a conservación da historia local.

O Castro das Barreiras continúa así revelando novos capítulos do pasado de Vimianzo e confirma o seu enorme potencial para futuras investigacións arqueolóxicas, consolidándose como un enclave fundamental para o estudo da historia da Costa da Morte.