Muxía celebra este sábado o Corpus cun programa cheo de tradición, música e festa popular

Muxía, 3 de xuño de 2026. A vila de Muxía vivirá este sábado 6 de xuño unha das súas celebracións máis destacadas do calendario festivo coa celebración da Festa do Corpus, unha xornada que combinará os actos relixiosos tradicionais con numerosas actividades musicais e de lecer para todos os públicos.

O programa comezará pola mañá coa tradicional tirada de bombas de palenque, anunciando o inicio da festa. Ás 10.30 horas, as rúas da localidade encheranse de música co pasarrúas protagonizado por Xaramiños do Corpiño e a Banda O Rumbo, que percorrerán diferentes puntos da vila animando a veciñanza e visitantes.

Ás 12.00 horas celebrarase a solemne misa na igrexa de Santa María, que estará cantada pola Coral Virxe da Barca. Ao remate da eucaristía terá lugar a procesión do Corpus, acompañada pola bendición nos altares preparados para a ocasión e unha espectacular tirada de traca a cargo de Pirotecnia Resúa.

A festa continuará coa tradicional sesión vermú, amenizada polo Trío Arena Musical, que volverá subir ao escenario pola noite para facer bailar ao público durante a verbena.

Xa pola tarde, ás 19.00 horas, o grupo Cantares Abaladeiras ofrecerá unha actuación en Cabo da Vila, achegando ao programa o son da música tradicional galega.

A partir das 22.30 horas dará comezo a sesión nocturna, que contará coa actuación do Trío Arena Musical e coa música de DJ Sanse, encargados de poñer o broche final a unha intensa xornada festiva.

A celebración está organizada pola Comisión de Corpus coa colaboración do Concello de Muxía, que convida a veciños e visitantes a participar nunha cita que mantén vivas as tradicións locais e que converte a Costa da Morte nun punto de encontro para gozar da cultura popular, a música e a convivencia.