Veciños de Buño piden explicacións sobre un investimento de máis de 30.000 euros no parque infantil (Galería 50 fotos)

Malpica.– Nos últimos días, veciños e veciñas das distintas parroquias de Malpica recibiron por correo postal unha carta da Deputación da Coruña na que se detallan os investimentos realizados no municipio. Entre as actuacións recollidas figura a denominada «Rehabilitación do parque infantil de Buño», cun orzamento de 30.051,75 euros financiado a través do Plan Único 2025.

A actuación aparece tamén na documentación pública da Deputación da Coruña como un dos investimentos aprobados para este ano. Porén, a realidade que presenta actualmente o parque infantil de Buño está a xerar numerosas preguntas entre a veciñanza sobre o destino destes fondos públicos.

Na xornada de hoxe visitamos as instalacións e puidemos comprobar de primeira man as importantes deficiencias que presenta este espazo público. Entre elas destacan varias farolas rotas, mobiliario urbano cuberto de grafitis, paneis informativos practicamente ilegibles, zonas invadidas pola maleza e lixo acumulado en distintos puntos do recinto.

Ademais, a área de xogo infantil presenta numerosos sinais de deterioración, con elementos afectados polo óxido, varios columpios con roturas visibles e un pavimento que resulta especialmente esvaradío debido á presenza de musgo, o que supón un risco para a seguridade dos menores e das persoas usuarias.

A situación tampouco mellora na zona destinada ao exercicio físico ao aire libre. Dos catro aparellos instalados para a práctica deportiva, tres atópanse actualmente inutilizados debido ao seu mal estado de conservación.

Ante esta situación, resulta difícil comprender como un espazo que figura como obxecto dunha actuación de rehabilitación por importe de máis de 30.000 euros presente un nivel de abandono tan evidente. Por este motivo, instamos ao Concello de Malpica a informar con total transparencia sobre:

  • Que obras se executaron exactamente.
  • En que data se realizaron.
  • Cal foi o custo detallado dos traballos.
  • Se a actuación está finalizada ou segue pendente de execución.

Os veciños e veciñas teñen dereito a coñecer como se invisten os recursos públicos e a comprobar que os proxectos anunciados polas administracións se corresponden coa realidade. Se a actuación non foi executada nos termos anunciados ou se continúa pendente de realización, o Concello debe ofrecer explicacións claras, detalladas e documentadas.

A veciñanza considera que o estado actual do parque infantil de Buño é impropio dun espazo público destinado ao lecer e ao encontro das familias, cualificando de «vergoñento» o seu nivel de deterioración e abandono. Por iso, reclama unha actuación inmediata para recuperar unhas instalacións que deberían ser un lugar seguro e agradable para a infancia e para o conxunto da cidadanía.

A transparencia e a rendición de contas son principios fundamentais para garantir a confianza da cidadanía nas institucións e para asegurar unha correcta xestión dos fondos públicos.