
O acceso que comunica coa rúa Ferrocarril permanece bloqueado con valados e arames con puntas cara a fóra, sen que haxa ningún aviso oficial visible que explique os motivos da medida.
Veciños do Burgo, no concello de Culleredo, expresan a súa preocupación polo peche da ponte de madeira que comunica coa rúa Ferrocarril e permite atravesar as vías do tren.
O paso permanece bloqueado mediante valados e arames, sen que os usuarios atopen, polo menos no lugar, ningún cartel informativo que indique os motivos do peche, que organismo tomou a decisión ou canto tempo está previsto que dure esta situación.
A maiores da falta de información, os veciños alertan das condicións nas que se realizou o peche. Algúns dos arames presentan puntas cara a fóra, unha circunstancia que podería provocar cortes ou lesións a persoas que se acheguen á zona.
A situación suscita varias preguntas entre os usuarios habituais deste paso: quen ordenou o seu peche?, existe algún informe técnico que xustifique a medida?, por que non se instalou unha sinalización adecuada e que alternativa se ofrece aos peóns?
Os residentes consideran necesario que os responsables expliquen publicamente o sucedido e revisen as condicións do valado para evitar posibles accidentes.
Os veciños non cuestionan que poidan existir motivos de seguridade para clausurar a ponte, pero reclaman información, sinalización e unhas medidas de protección que non supoñan un novo risco para a cidadanía.
Polo momento, non consta nesta denuncia veciñal unha explicación oficial sobre os motivos nin sobre a duración do peche.





