
A Deputación da Coruña destina unha achega de 12.000 euros á reforma e acondicionamento do local do Teleclub de Buño, no concello de Malpica de Bergantiños, co obxectivo de convertelo nun espazo de encontro, convivencia e apoio comunitario fronte á soidade non desexada no medio rural.
A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, visitou as instalacións da Asociación Veciñal Social e Cultural Teleclub de Buño para coñecer o avance das actuacións realizadas e analizar os novos usos sociais que terá o espazo unha vez rematada a rehabilitación.
Capelán subliñou que este proxecto “é un exemplo claro do tipo de iniciativas que apoia a Deputación: proxectos que nacen da propia veciñanza, responden a necesidades reais das parroquias e contribúen a manter vivo o rural”. Ademais, destacou a importancia de dotar ás localidades de locais sociais accesibles e confortables que favorezan a convivencia e a participación.
A axuda provincial permite acometer melloras estruturais no interior do edificio, entre elas a construción dunha nova parede de reforzo e illamento, o alicatado dos servizos, a instalación dun falso teito de pladur, a adquisición de dúas estufas de pellets para calefacción e a incorporación de novo mobiliario. Estas actuacións buscan garantir unhas instalacións máis dignas e adaptadas ás actividades comunitarias.
Grazas a esta rehabilitación, a asociación impulsará o programa “Acompáña-Te no Rural”, unha iniciativa orientada a crear redes de apoio e socialización para persoas en situación de soidade, especialmente maiores, aínda que tamén aberta a outros colectivos vulnerables.
O Teleclub de Buño é un espazo histórico e de referencia na vida social da parroquia, con décadas de actividade vinculada á participación veciñal, á tradición cultural e ao tecido asociativo local. Ao longo do tempo acolleu reunións, actividades comunitarias e iniciativas de distintas entidades do territorio.
A Asociación Veciñal Social e Cultural Teleclub de Buño continúa así o seu labor de dinamización social e mellora da calidade de vida da veciñanza, en colaboración con outras entidades da comarca e co movemento “O Rural Móvese”, promovendo a cohesión social e a loita contra o despoboamento no rural.