Detidas cinco persoas por dous roubos con forza e a subtracción dun vehículo en Negreira

Negreira, 12 de xuño de 2026. A Garda Civil detivo cinco persoas como presuntas autoras de dous delitos de roubo con forza nas cousas e dun delito de subtracción de vehículo a motor no marco da Operación LUKUS, desenvolvida polo Equipo de Policía Xudicial de Noia e o Posto da Garda Civil de Negreira.

A investigación comezou tras a denuncia dun roubo con forza cometido no interior dunha nave municipal situada nun polígono industrial de Negreira. Os autores apoderáronse de diversa ferramenta especializada, un remolque e un vehículo tipo pick-up.

As gravacións das cámaras de seguridade permitiron aos investigadores determinar a participación coordinada de cinco persoas, que se desprazaron ata o lugar dos feitos, forzaron un dos accesos principais e levaron a cabo o roubo.

Poucos días despois do inicio das pescudas, os axentes localizaron o remolque subtraído, que fora abandonado no concello lucense de Rábade. Posteriormente tamén conseguiron recuperar o vehículo roubado.

Co avance da investigación, a Garda Civil comprobou que os presuntos autores empregaron o vehículo subtraído para cometer un segundo roubo con forza nun concesionario de vehículos da cidade de Lugo. Alí fracturaron a porta de entrada e apoderáronse dunha máquina de cobro automatizado que contiña 1.162 euros en efectivo.

A análise das probas recollidas permitiu identificar plenamente os cinco integrantes do grupo, culminando coa súa localización e posterior detención.

Segundo a reconstrución dos feitos realizada polos investigadores, os implicados desprazáronse desde a provincia de Lugo ata Negreira para cometer o primeiro roubo. Posteriormente regresaron ao seu lugar de orixe para descargar o material subtraído e abandonar o remolque. Máis tarde utilizaron o vehículo roubado para perpetrar o asalto ao concesionario e finalmente abandonárono na vía pública.

O valor total do material subtraído supera os 60.000 euros, aos que hai que engadir os danos materiais ocasionados nas distintas instalacións afectadas.

As dilixencias instruídas, xunto cos detidos, foron postas a disposición do Tribunal de Instancia, Sección Civil e de Instrución, Praza número 1 de Negreira.