O Concello de Teo licita as obras de mellora do viario municipal en Carballal

O Concello de Teo vén de licitar o contrato para executar as obras de mellora do viario municipal no núcleo de Carballal, unha actuación moi demandada pola veciñanza e que permitirá reforzar a seguridade viaria e mellorar as condicións de circulación nesta zona do municipio.

A intervención contempla a actuación sobre un total de 2.600 metros lineais de viario, nos que se procederá ao aglomerado de 6.191 metros cadrados de superficie. Ademais da renovación do firme, os traballos incluirán o levantamento e adaptación das tapas de rexistro á nova rasante da calzada, garantindo así unha maior comodidade e seguridade para as persoas usuarias da vía.

O proxecto tamén prevé a renovación e mellora da sinalización horizontal e vertical, co obxectivo de optimizar a ordenación do tráfico e incrementar a seguridade tanto para vehículos como para peóns.

Desde o Goberno municipal destacan que esta actuación responde a unha reivindicación histórica da veciñanza de Carballal e permitirá solucionar os problemas derivados do desgaste do firme, mellorando de maneira significativa o estado da infraestrutura viaria.

Con esta licitación, o Concello de Teo continúa avanzando no seu compromiso coa conservación e modernización da rede de estradas municipais, apostando por actuacións que contribúan a mellorar a mobilidade, a seguridade viaria e a calidade de vida da cidadanía.