O PP de Carballo denuncia o «afán recadador» do Concello coa nova sinalización para autocaravanas

O Partido Popular de Carballo criticou duramente a decisión do goberno municipal do BNG de instalar sinais de prohibición para as autocaravanas en diferentes puntos do municipio, unha medida que consideran un exemplo máis do que cualifican como o «afán recadador» do executivo local.

Os populares sosteñen que, en lugar de apostar pola ordenación e pola creación de espazos públicos específicos para este tipo de vehículos, o Concello opta por restrinxir o seu estacionamento mediante novas prohibicións que, segundo denuncian, poderían derivar nun aumento das sancións.

Desde o PP afirman que o goberno local «segue priorizando a recadación fronte á busca de solucións reais», e lembran que o turismo itinerante representa unha oportunidade económica para o comercio e a hostalaría local. Neste sentido, consideran que sería máis útil habilitar áreas acondicionadas para autocaravanas que permitan compatibilizar a convivencia e o aproveitamento turístico destes visitantes.

A formación popular asegura que os veciños de Carballo xa sofren unha elevada presión sancionadora e lamenta que agora, ao seu xuízo, o Concello pretenda aplicar a mesma política aos visitantes. «Xa non lles chega con acribillar a multas aos carballeses, agora tamén queren facelo con quen nos visita», sinalan.

Por último, o PP insta ao goberno municipal a reconsiderar a súa estratexia e a impulsar infraestruturas adecuadas para as autocaravanas, favorecendo así un turismo sostible e unha mellor imaxe do municipio.