
Cabana de Bergantiños (A Coruña), 12 de xuño de 2026
A Xunta de Galicia destinará máis de 47.000 euros a obras de mellora no centro de día de Cabana de Bergantiños, integrado na rede pública autonómica. A actuación foi anunciada polo xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, durante unha visita ao equipamento na que estivo acompañado polo alcalde do municipio, José Muíño.
As intervencións previstas inclúen a instalación dun novo sistema de climatización nas salas principais, co obxectivo de mellorar o confort dos usuarios, así como o acondicionamento do patio exterior e do xardín. Tamén se levarán a cabo melloras no funcionamento da caldeira.
Segundo informou o Consorcio, as obras xa están contratadas e serán financiadas con fondos europeos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR). Estas actuacións forman parte dun plan global de mellora dos centros de maiores, cun investimento total de 1,7 millóns de euros ao longo deste ano.
Melloras tamén na escola infantil municipal
Durante a mesma visita, Perfecto Rodríguez supervisou tamén a escola infantil municipal, onde se executarán novas actuacións de mellora. O proxecto contempla a substitución do pavimento das principais estancias, a renovación e ampliación do sistema de calefacción por outro máis eficiente e a mellora do acceso ao centro.
Estas obras, cun orzamento de case 49.000 euros, financiaranse tamén a través do Consorcio, tras a sinatura dun convenio co Concello. A administración local será a encargada da licitación, adxudicación e seguimento dos traballos, que se realizarán durante o verán, aproveitando o peche da actividade educativa.
Estas intervencións forman parte dun programa de mellora de escolas infantís públicas de titularidade municipal e autonómica en toda Galicia, financiado con preto de 980.000 euros procedentes do Fondo de Cohesión e Transformación Social, destinados a reformas, ampliacións e renovación de instalacións.