
Se alguén quere saber como vai Malpica, non precisa informes técnicos nin auditorías. Abonda con dar unha volta polas parroquias. A maleza medra a mellor ritmo que a economía local, os contedores parecen estar en liberdade vixiada sen ancoraxes, as sinais loitan por manterse en pé e algunhas estradas levan anos alimentando conversacións entre os veciños sobre quen saíu beneficiado das súas modificacións.
Esta semana foi o concelleiro socialista Sergio García Villar quen volveu poñer o foco na situación de Buño cun vídeo nas redes sociais. Unha denuncia que sorprendeu pouco, porque as imaxes non fixeron máis que confirmar o que moitos veciños levan tempo vendo. O realmente sorprendente sería atopar unha parroquia que non tivese algo que denunciar.
Pero sendo xustos, o PSOE non inventou esta fórmula. Antes xa a puxera de moda Avanza Malpica e o seu líder Javier Ferreiro Añón, que durante 2024 e 2025 converteu as redes sociais nun escaparate permanente das carencias do concello. Buratos, maleza, abandono, augas fecais, infraestruturas deterioradas… material non lle faltou. O máis curioso é que boa parte daqueles problemas continúan hoxe exactamente onde estaban, coma se formasen parte do patrimonio municipal.
O caso do burato de augas fecais de Beo ou das incidencias denunciadas na contorna de Area Maior son exemplos recorrentes dun debate que parece eterno. Mentres tanto, a barandilla da Atalaia converteuse case nun símbolo da velocidade administrativa local: todos saben que existe o problema, todos falan del, pero a solución segue viaxando en carro de bois.
E mentres a oposición denuncia unha xestión que cualifica de nefasta e advirte sobre a situación económica municipal, o goberno local parece máis centrado noutras batallas. Malpica ten parques sen fume, praias sen fume, praias sen cans, vasos biodegradables nas festas e declaracións institucionais sobre conflitos internacionais. Todo moi moderno, todo moi sostible, todo moi fotoxénico.
O problema é que os veciños seguen preguntándose se, ademais de prohibir fumar mirando o mar, tamén haberá tempo para cortar a maleza, arranxar as infraestruturas deterioradas, solucionar os problemas de saneamento e reducir unha débeda que preocupa cada vez máis.
Porque a sensación que existe en moitos lugares do municipio é que Malpica avanza, si, pero ás veces avanza tanto nas campañas de imaxe que acaba esquecendo mirar cara abaixo para ver por onde pisa.
E mentres tanto, a maleza segue medrando. Sen subvencións, sen propaganda e sen necesidade de notas de prensa. Posiblemente sexa o proxecto máis constante e exitoso do concello nos últimos anos.