

Laxe, 15 de xuño de 2026. O BNG de Laxe denunciou publicamente o estado dun contedor de lixo situado nunha rúa próxima á Casa do Concello, que continúa coa tapa rota catro meses despois de detectarse o problema.
Segundo sinalan desde a formación nacionalista, o contedor xa presentaba este deterioro durante o Entroido de 2026 e, a día de hoxe, segue exactamente na mesma situación, sen que se realizase ningunha actuación para a súa reparación ou substitución.
O BNG destaca que o colector atópase nunha das vías máis transitadas da vila, moi preto da Casa do Concello, un lugar polo que pasan habitualmente o alcalde e os membros do goberno local responsables das áreas de Obras e Turismo.
Desde a organización pregúntanse se resulta “tan difícil substituír ou reparar un contedor en catro meses” e consideran que este tipo de incidencias transmiten unha imaxe de abandono que contrasta cos discursos institucionais sobre a promoción turística do municipio.
A formación insiste en que a calidade da imaxe urbana tamén depende da atención aos pequenos problemas cotiáns e lamenta que, transcorrido este tempo, a situación continúe sen solución.
“Catro meses despois, o mesmo contedor segue coa tapa rota e sen que se adopte ningunha medida”, conclúen desde o BNG de Laxe.