O PSOE da Laracha consegue desbloquear a reforma do Centro Sociocultural da Ínsua en Caión

O PSOE da Laracha celebrou que, tras meses reclamando actuacións no Centro Sociocultural da Ínsua de Caión, o Goberno local anunciase finalmente un investimento de 172.000 euros para acometer a súa reforma.

Desde a agrupación socialista lembran que veciños e veciñas da parroquia levaban tempo demandando melloras nunhas instalacións que precisaban unha actuación urxente para garantir un servizo axeitado á cidadanía. Segundo sinalan, durante todo este tempo o executivo municipal mantivo unha actitude pasiva ante estas peticións.

“Foi necesario que o PSOE da Laracha puxese este asunto sobre a mesa e reclamase solucións para que o Goberno local reaccionase”, destacan os socialistas, que consideran que o anuncio das obras demostra que a presión e o traballo da oposición serven para impulsar proxectos necesarios para o municipio.

A formación valora positivamente que a reforma vaia saír adiante, xa que suporá unha mellora importante para as persoas usuarias do centro e para a actividade social e cultural de Caión. Non obstante, lamenta que a actuación chegase despois de tanto tempo de espera.

“Non nos preocupa quen se colgue a medalla. O importante é que os veciños e veciñas de Caión van contar cun centro renovado. Pero resulta evidente que, unha vez máis, o Goberno local actuou despois das nosas reclamacións”, sinalan desde o PSOE.

Os socialistas aseguran que seguirán exercendo unha oposición útil e vixiante, levando ao Concello as demandas da cidadanía e insistindo naquelas actuacións que consideren necesarias para mellorar a calidade de vida no municipio.

«Educando a López Varela» continúa: reclamamos, propoñemos e, pouco despois, aparecen os anuncios, os investimentos e as fotografías. Casualidade ou non, o importante é que A Laracha avanza.