O BNG de Cabana reclama medidas urxentes fronte aos danos do xabaril no sector primario

O BNG de Cabana continúa a seguir de preto a problemática que están a sufrir gandeiros e agricultores do concello polos importantes danos ocasionados pola crecente presenza do xabaril. Trátase dunha situación que afecta de maneira directa á actividade do sector primario, provocando perdas económicas e dificultando o desenvolvemento normal das explotacións.

A formación nacionalista xa levou esta cuestión ao Pleno municipal a través dunha moción que foi aprobada por unanimidade por toda a corporación, poñendo de manifesto a preocupación compartida pola veciñanza e polos representantes públicos ante unha problemática que se agrava ano tras ano.

A partir desta iniciativa local, o BNG de Cabana trasladou as demandas e inquietudes do sector ao seu grupo parlamentario, que vén de rexistrar diversas preguntas no Parlamento galego co obxectivo de fiscalizar a actuación da Xunta de Galicia e coñecer que medidas está a adoptar para facer fronte a esta situación.

Desde o BNG valoran positivamente este paso, pero consideran que a gravidade do problema require ir máis alá. A formación entende que as preguntas parlamentarias deben servir para obter respostas e compromisos concretos, mais insiste en que son necesarias medidas de choque inmediatas e efectivas que permitan reducir os danos e ofrecer solucións reais aos profesionais do campo.

“O sector primario non pode seguir asumindo en solitario as consecuencias desta situación. É necesario que a Xunta actúe con decisión e poña en marcha medidas eficaces que dean resposta ás demandas dos gandeiros e agricultores”, sinalan desde o BNG de Cabana.

A organización reafirma o seu compromiso co rural e asegura que continuará traballando con determinación para que as reivindicacións do sector sexan escoitadas e atendidas polo Goberno galego. “Non imos parar ata conseguir solucións reais para o noso campo. A nosa prioridade é defender os intereses da xente que vive e traballa no rural e garantir o futuro do noso sector primario”, conclúen.