AVANZA MALPICA DENUNCIA O ABANDONO NA LIMPEZA E MANTEMENTO DO CONCELLO

Malpica, 16 de xuño de 2026. Desde AVANZA MALPICA manifestan a súa preocupación polo estado de abandono que presentan distintos espazos do municipio en materia de limpeza e mantemento.

Segundo sinalan, a situación é visible en numerosos puntos da vila e das parroquias, onde a acumulación de lixo e a falta de conservación dos espazos públicos están a xerar un crecente malestar entre a veciñanza.

A formación fai referencia ás recentes declaracións do concelleiro responsable, nas que se anunciou a intención de aumentar o número de contedores no municipio. Con todo, desde AVANZA MALPICA consideran que esta medida chega tarde e que os problemas deberían ser abordados antes de que sexan as queixas dos veciños e veciñas as que obriguen a actuar.

“Como sempre, tarde, mal e arrastro”, critican desde o grupo, insistindo en que a planificación e a prevención deben ser a base da xestión municipal para evitar que as deficiencias se repitan.

AVANZA MALPICA reclama ao equipo de goberno unha actuación inmediata para solucionar esta problemática e mellorar a imaxe e a calidade dos espazos públicos do concello.

A formación conclúe cunha petición clara aos responsables municipais:

“¡¡¡ARRANXEN ISTO XA!!!”