Veciños de Meicende denuncian o mal estado das rúas e a falta de mantemento da vexetación

Arteixo.– Veciños da parroquia de Meicende, no concello de Arteixo, amosan o seu malestar polo estado de varias rúas da zona, onde o crecemento descontrolado da vexetación está a dificultar o paso de peóns e vehículos.

Segundo denuncian os residentes, a situación é especialmente preocupante na Avenida de Meirás, onde as silvas e a maleza invaden parte da vía pública. Os afectados aseguran que, cando pasa un vehículo, os peóns vense obrigados a apartarse cara ás marxes da estrada, quedando practicamente atrapados entre a vexetación.

«Se pasa un coche e te tes que apartar, acabas meténdote nas silvas. E se vas cun carro de bebé ou cunha cadeira de rodas, a situación é aínda peor», explican os veciños, que consideran que o problema supón un risco para a seguridade e limita a mobilidade das persoas con dificultades de desprazamento.

As queixas non se limitan á Avenida de Meirás. Segundo indican, a rúa Barcelona presenta un estado semellante, con silvas e herbas que medran sen control e que xa se achegan ás vivendas da zona. «Ao ritmo que van, as silvas van acabar chegando ás fiestras», sinalan con preocupación.

Os residentes afirman que trasladaron esta situación ao Concello de Arteixo, pero aseguran que, polo momento, non recibiron resposta nin observaron actuacións para solucionar o problema.

Ante esta situación, os veciños solicitan unha intervención urxente para limpar e acondicionar as rúas afectadas, garantindo así a seguridade dos peóns e unha correcta conservación dos espazos públicos.