O PP de Negreira critica a demora na apertura da piscina municipal e compara a situación con Boqueixón

Negreira. O Partido Popular de Negreira volveu cargar contra o goberno municipal pola demora na apertura da piscina municipal ao aire libre, unha infraestrutura que permanecerá pechada ata o próximo 1 de xullo malia as altas temperaturas rexistradas nas últimas semanas.

Os populares compararon a situación coa do concello de Boqueixón, onde a piscina xa leva varios días aberta ao público e, ademais, se ofreceron dúas xornadas gratuítas antes da apertura oficial debido á vaga de calor.

“Que sorte teñen no concello de Boqueixón”, sinalan desde o PP, destacando a capacidade de previsión e xestión mostrada polo executivo local fronte ao que consideran unha falta de planificación por parte do alcalde de Negreira.

Segundo a formación popular, os problemas que afectan á piscina municipal eran coñecidos desde setembro do ano pasado. Aseguran que advertiron con suficiente antelación sobre as deficiencias detectadas na obra e da necesidade de actuar con tempo para evitar atrasos na tempada estival.

Porén, denuncian que non se adoptaron medidas ata última hora, o que provocou que as actuacións necesarias se executasen xa ás portas do verán, impedindo a apertura das instalacións nas datas habituais.

O PP lamenta que os veciños teñan que esperar ata comezos de xullo para poder desfrutar da piscina municipal, especialmente nun contexto marcado polas elevadas temperaturas. “Menos mal que veñen uns días frescos… Vaian collendo aire porque auga, de momento, nada”, ironizan desde a oposición.

A formación popular responsabiliza directamente ao alcalde da situación e critica que, unha vez máis, se intente atribuír a culpa á oposición polos problemas xurdidos na execución do proxecto.

Mentres tanto, os usuarios deberán agardar á apertura prevista para o 1 de xullo para poder facer uso das instalacións municipais.