
A Laracha, 22 de xuño de 2026. A oposición veciñal ao proxecto da macroplanta de biogás prevista na parroquia de Soandres continúa gañando forza. Preto de 200 persoas participaron este domingo nunha asemblea aberta convocada pola Plataforma Stop Biogás A Laracha no Mosteiro de Soandres, onde se fixo balance das accións realizadas ata o momento e se presentaron novas iniciativas para reforzar a loita contra a instalación.
Segundo explicou a plataforma, a elevada asistencia produciuse malia as altas temperaturas e a coincidencia co partido da selección española. Ao encontro acudiron tamén representantes políticos de diferentes formacións, así como membros da Plataforma Biometano Deza.
Un dos principais anuncios da xornada foi a creación da asociación veciñal, ecoloxista e cultural Terra de Soandres, unha entidade que nace co obxectivo de dotar de maior capacidade organizativa e representación legal ao movemento cidadán. Desde a plataforma sinalan que a asociación permitirá «persoarse no proceso administrativo e xurídico do proxecto do biogás en Soandres» e facilitará a coordinación das futuras accións.
A nova entidade está aberta á participación de toda a veciñanza e xa conta cun correo electrónico propio. Ademais, prevé abrir perfís en redes sociais e establecer un punto de atención presencial semanal na Escola Unitaria da Revoltiña, na propia parroquia.
Reunións institucionais e novas actividades
Entre as próximas actuacións previstas figura unha rolda de reunións con responsables institucionais. Esta mesma semana, representantes da plataforma manterán encontros co Concello da Laracha e co Grupo Parlamentario do Partido Popular en Santiago de Compostela. O obxectivo é avanzar nunha futura reunión coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, departamento encargado da tramitación do proxecto.
A mobilización tamén se trasladará ao ámbito divulgativo e social. A plataforma participará os días 27 e 28 de xuño no encontro Dexo Terra Viva, que se celebrará en Dexo (Oleiros), cun posto informativo destinado a dar a coñecer a súa oposición á planta de biogás e compartir experiencias con outros colectivos que traballan na defensa do territorio galego.
Nas vindeiras semanas están previstas novas actividades, entre elas faladoiros informativos, rutas de sendeirismo e a organización dun gran evento cultural aberto ao público. A proposta incluiría mesas redondas, actuacións musicais e outras iniciativas destinadas tanto a sensibilizar sobre os impactos que a plataforma atribúe ao proxecto como a recadar fondos para soste-la súa actividade.
Desde Stop Biogás A Laracha destacan que, ademais da defensa ambiental e territorial, estas accións buscan fortalecer os vínculos comunitarios entre as persoas afectadas e manter viva a mobilización social contra unha iniciativa que segue xerando unha importante contestación veciñal na comarca.