
Esta fin de semana celebráronse as clausuras dos cursos de música e baile tradicional organizados pola Asociación Cultural Adro e pola Asociación Churía, dous actos que serviron para pechar un curso cheo de aprendizaxe, convivencia e compromiso coa cultura popular.
As exhibicións permitiron ao alumnado amosar todo o traballo realizado ao longo dos últimos meses, compartindo co público os coñecementos adquiridos e a paixón pola música e o baile tradicional galego.
O alcalde do Concello de Zas asistiu a ambos eventos para acompañar ás dúas entidades nesta celebración e compartir con elas un momento tan especial, recoñecendo o importante labor que desenvolven na conservación e difusión do patrimonio cultural do municipio.
Desde o Concello de Zas queremos felicitar á Asociación Cultural Adro e á Asociación Churía polo seu traballo constante para manter vivas as nosas tradicións, transmitindo este valioso legado ás novas xeracións e contribuíndo a que a música e o baile tradicional sigan formando parte do presente e do futuro da nosa comunidade.
Parabéns polo traballo realizado ao longo de todo o curso e grazas por seguir facendo medrar a nosa cultura e fortalecendo as nosas raíces.


