A visita de Belén do Campo reabre o debate sobre as carencias de Malpica

A visita da delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, á praia de Area Maior de Malpica para facer un chamamento á responsabilidade cidadá durante a noite de San Xoán deixou unha nova fotografía institucional e unha mensaxe centrada no respecto ao medio ambiente. Acompañada polo alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e pola directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, a representante autonómica presentou as recomendacións da campaña “Reciclar é coidar do San Xoán – Coidar das nosas praias é coidar do noso”.

Porén, esta visita volveu poñer de manifesto o crecente malestar dunha parte da veciñanza, que considera que a realidade diaria do municipio pouco ten que ver cos discursos e as campañas institucionais. Mentres se insiste na concienciación ambiental, os problemas estruturais de Malpica continúan sen solución.

Entre as principais preocupacións destacan o elevado nivel de endebedamento municipal, o estado deficiente de numerosas pistas e estradas, cheas de fochancas e con abundante maleza invadindo as marxes en practicamente todas as parroquias. A isto súmanse infraestruturas e proxectos que permanecen paralizados ou sen avances visibles, como a piscina municipal pechada, a ausencia dun PXOM actualizado, o centro de día sen abrir ou un polígono industrial que moitos veciños cualifican xa de “fantasma”.

Tampouco pasa desapercibido o deterioro do mobiliario urbano, con sinais danadas e contedores rotos ou sen ancoraxes adecuadas, unha imaxe que contrasta coa mensaxe de coidado e mantemento do espazo público que trasladan as administracións.

A polémica tamén chegou este ano arredor das celebracións festivas. Mentres en Buño se prohibiu o lanzamento de bombas de palenque unha semana antes das festas por cuestións de seguridade, en Santo Hadrián autorizáronse durante as celebracións, producíndose posteriormente un incendio forestal na zona, unha situación que xerou críticas e preguntas entre os veciños sobre a coherencia dos criterios aplicados.

Desde diferentes sectores sociais considérase que Malpica necesita menos actos protocolarios e máis solucións concretas aos problemas que afectan ao día a día da cidadanía. A sensación de abandono e falta de planificación segue medrando nun municipio que, segundo denuncian numerosos veciños, leva demasiado tempo á deriva mentres as administracións continúan priorizando a imaxe sobre a xestión efectiva.

Porque Malpica non é unha pasarela para fotografías institucionais. É un concello que reclama investimentos, mantemento, planificación e respostas.