
A deputada autonómica Patricia Iglesias salientou a inquietude existente ante un permiso que «abre as portas a actuacións futuras»
En Zas, a 23 de xuño de 2026.
O PSdeG-PSOE reuniuse coa plataforma de afectados e afectadas polo permiso de investigación mineira Jorge Reyes nos municipios de Zas, Cabana de Bergantiños e Laxe.
Participaron na xuntanza a deputada autonómica Patricia Iglesias, a voceira socialista zaseira Sheila Rial e o voceiro socialista laxense Paco Vidal. Tamén estiveron presentes representantes da Plataforma en Contra da Mina de Coens, en Laxe.
Iglesias comezou sinalando que o obxectivo da xuntanza foi o «de escoitar de primeira man as preocupacións da veciñanza» respecto deste novo permiso mineiro.
«O que constatamos é unha enorme inquietude ante un proxecto que afecta a núcleos habitados, propiedades particulares e a unha contorna de extraordinario valor ambiental, paisaxístico e patrimonial da Costa da Morte», explica a socialista.
«O goberno galego ten a obriga de garantir que toda a veciñanza dispoña de información clara, completa, accesibles o alcance real deste permiso de investigación», engade.
Iglesias subliña que aínda que este permiso non supón unha explotación mineira «si abre as portas a actuacións futuras sobre o territorio que poden afectar aos dereitos das persoas propietarias e ao futuro da comarca».
«As socialistas e os socialistas de Galicia cremos que non se pode gobernar dende os despachos de San Caetano, ignorando a quen vive e traballa no territorio», afirma a deputada socialista.
«Por iso imos esixir transparencia, participación real e todas as garantías para a protección dos veciños e das veciñas, do patrimonio e do medio natural», apunta. «Galicia merece un modelo de desenvolvemento mineiro que conte coa xente non se impoña á xente», conclúe.